Ultimo número á venda
nº 54 primavera 2010

En pleno século XXI hai un estado aceptado e respectado
polo resto dos países, mesmo os que se proclaman máis democráticos,
que se rexe por preceptos feudais. Unha pequena cidade-estado no corazón
de Europa, pero cun poder e autoridade que se estende moito máis alá
dos seus límites. A persoa que mantén o poder de por vida, salvo
improbables abdicacións, é elixida entre unha selecta casta
de príncipes, que, á súa vez, son designados polo xefe
de goberno durante o seu mandato, o que asegura e perpetúa unha determinada
liña ideolóxica. Un goberno baseado nunha inflexible xerarquía,
na que ningún súbdito cuestiona este poder, entre outras cousas
porque se aceptan como infalibles as decisións do mandatario cando
este así o proclame. Un estado no que relixión e política
van unidos, un estado e un goberno no que as mulleres só poden ocupar
un papel subalterno. Está claro que estamos a falar do Estado Vaticano
e da Igrexa católica. Todos os gobernos que condenan o fundamentalismo
islámico por dar prioridade aos principios da súa relixión
fronte aos dereitos civís e democráticos, que denuncian as leis
que negan dereitos ás mulleres e aos homosexuais e lesbianas, esquecen
condenar moitas normas semellantes da Igrexa católica; ao contrario,
dobréganse ante o seu poder e algúns, como no caso español,
mesmo lle financian aulas nas que impartir a súa ideoloxía.
Unha ideoloxía que antepón o sacrificio ao pracer, a obediencia
á libre elección, os homes ás mulleres, e que presenta
o sexo como a orixe de todos os males, ata tal punto que para librar as súas
figuras sagradas desta lacra no imaxinario colectivo, inventou o dogma da
concepción sen sexo de Xesús. Unha ideoloxía que nega
ás mulleres o control sobre o seu propio corpo e compara as leis que
legalizan o aborto co exterminio nos campos nazis. Que se manifesta en contra
da distribución de preservativos en países asolados pola SIDA
e a fame, porque segundo a súa doutrina só a abstinencia é
o método aceptado para evitar as enfermidades e o control da natalidade.
Que non ten reparo en criticar as leis do Goberno español que legalizan
o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, porque considera a homosexualidade
un vicio ou unha enfermidade. Que está en contra de que exista educación
sexual nas escolas e de que se comercialice a píldora do día
seguinte. Que levanta airadas protestas tachando de antidemocrática
a proposta de suprimir os crucifixos dos colexios a pesar de que estamos nun
estado aconfesional… E así poderiamos seguir con moitos exemplos
máis de integrismo reaccionario, sobre todo nestes últimos anos
en que os sectores máis ultras dominan dentro da Igrexa.
Por sorte son moitos os católicos que non están de acordo con
estas normas e declaracións e hai sobrados exemplos de persoas que
criticándoas destacaron pola súa solidariedade cos máis
desfavorecidos, desde o bispo Casaldàliga ata Vicente Ferrer ou moitas
comunidades que xurdiron da teoloxía da liberación… Claro
que todas estas teñen sido cuestionadas dentro da Igrexa precisamente
por non acatar a autoridade de Roma.
As crenzas relixiosas pertencen ao ámbito privado, a liberdade relixiosa
é un dereito individual e cada quen é libre de crer no deus
ou deuses que queira (nos que foi educado, os que descubriu ao longo da vida,
os que lle caen máis simpáticos) ou de non crer en nada. Pero
vivimos nun país onde a Igrexa católica ten desde sempre un
gran poder, que inflúe na educación, nos gobernos e nos negocios,
e por iso, aínda que esteamos nun estado aconfesional, os gobernantes
sempre procuran estar a ben con ela. E nestas componendas entre Goberno e
Igrexa as mulleres temos moito en xogo, porque se o avance do integrismo relixioso
supón un freo para os dereitos de toda a sociedade, moito máis
para as mulleres, porque son os nosos dereitos, o dereito a decidir sobre
o noso corpo e as nosas vidas, un dos principais cabalos de batalla da actual
Igrexa católica, por iso nos reafirmamos na consigna que se cantou
en Granada, «Saquen os seus rosarios dos nosos ovarios».
ARTIGOS (andaina 54):
Reflexión desde o feminismo
30/11/2009 versus Granada 13/12/2009 (Guillermina Dominguez Touriño)
A primeira data corresponde á
reportaxe do suplemento de El País «A arte como espello do tempo:
Fusi e Calvo Serraller narran a historia de España en 50 cadros»;
a segunda, á outra, referente á necesidade ou non do feminismo,
«30 anos despois... aínda é necesario o feminismo?: Máis
de 4000 mulleres certifican a vixencia da loita feminista»...
Xornadas Feministas de Granada 2009 (Nanina Santos)
A Capacidade da Coordinadora de Organizacións
Feministas de reunir en Granada na ponte de decembro a máis de 3000
mulleres fálanos do entusiasmo vivo e das convicións feministas
desas mulleres entre as que estabamos.
Foron moi inclusivas da diversidade: idades, preocupacións, tipo de
organizacións e propostas e xeitos de facer..
Granada trinta anos despois, aquí e agora (Justa Montero)
Hai máis de trinta años soñamos que
o tempo de silencio para as mulleres rematara. Ambiciosas e transgresoras,
tomamos a palabra. Tiñamos unha ardua tarefa por diante e bordabamos
entusiasmo para o empeño.
Hoxe chegamos a Granada desde moitos rincóns, cargadas de ilusión,
de proxectos, de experiencias, de reflexións, de propostas. O feminismo
non ten volta atrás, sabiámolo, pero vérmonos 3000 mulleres
aquí, non deixa lugar á dubida.
De Granada a Granada (1979-2009) (Paloma Uría Rios)
Porta aberta a Hannah Arendt (Idoia Elfrüm)
.Afortunadamente para o mundo da ciencia, no país
natal de Hannah Arendt, Hannover, a educación feminina era equivalente
á dos homes, permitindo que se adentrase nun mundo intelectual xa desde
moi nova. Unha Hannah adolescente posuidora dunha necesidade urxente e constante
para entendelo todo, achegábase á rica biblioteca familiar na
procura de títulos como a Crítica da razón pura de Kant
ou Psicoloxía das concepcións do mundo de Jaspers. ..
A primeira folga importante de mulleres en Vigo en
1931 (Isaura Graña)
Na lexislación social da segunda República, o Ministerio
de Traballo decide instituír o seguro de maternidade que entra en vigor
con carácter obrigatorio o 1 de outubro de 1931.
A xustificación:
1.- Recoñecido o dereito das nais ao descanso post-parto desde finais
do XIX non se tiña, sen embargo, dereito á percepción
económica.
2.- Traballar para reducir a elevada mortandade
das nais,
3.- Mellorar as relacións laborais e industriais e reducir o encono
das relacións entre capital e traballo «por falta de leis que
garantan os dereitos do traballador» para o que se precisa a intervención
da Seguridade Social e dos poderes públicos.
A Federación Galega de Redeiras Artesás
O Peirao (LGL)
O das redeiras ou atadoras é un oficio desempeñado por
mulleres; precisamente por iso, pola feminización do colectivo, non
se recoñecía como tal oficio, malia a súa complexidade.
Non forman parte das confrarías. As experimentadas ensinan ás
mozas nos peiraos; nalgunhas poboacións recentemente foron asignándolles
naves para o seu uso...
Entrevista a Pencha Santasmarinas (Laura
Gómez Lorenzo e Nanina Santos Castroviejo)
O nome de Pencha Santasmarinas (funcionaria recentemente xubilada da Xunta
de Galicia) vai unido ao proceso de profesionalización das mariscadoras
galegas a mediados dos noventa. Sendo ela xefa da sección do Servizo
de Extensión Pesqueira tivo a visión de conxunto da actividade
do marisqueo a pé —desenvolvido daquela nun 95 % por mulleres
no noso litoral—, poñendo o seu traballo, a súa intelixencia
e a súa enerxía ao servizo deste colectivo, de xeito que chegasen
a facer desta ocupación unha profesión da que vivir con dignidade...
Testemuños e lembranzas das mulleres da conserva (Xela Cuñarro Otero)
Falar de fábricas conserveiras en Galicia é falar de traballo en feminino. Todas as mulleres que traballaron nas conserveiras teñen en común facelo en fábricas máis ou menos pequenas, moi familiares, agás Massó, con salarios baixos e cunha capacidade reivindicativa moi limitada dadas as cirucunstancia políticas e sociais das épocas nas que traballaron...
Alfageme. A reconversión silenciosa dun sector feminizado (LG NS)
Moitos anos, en concreto cento trinta e seis anos de conservas Alfageme remataron en 2006 coa venda a un conxunto de inversores galegos (Inversiones Louredo), especializados en fusións e quebras, das empresas Conservas Peña, en Vilaxoán; Mariscos San Caetano, en O Grove e a conserveira Alfageme (con centros de traballo en Vigo, Miau, e en Ribadumia), para posteriormente pasar o 100 % das súas accións ao Grupo Inmobiliario PROMALAR, cuxa cabeza visible é o empresario e promotor inmobiliario Juan Lago..
Ruth Matilda Anderson (Maria Saa)
No outono de 2009 comezou o seu itinerario polas principais cidades galegas unha extensa exposición dedicada a Ruth Matilda Anderson (1893-1983), unha fotógrafa estadounidense que percorreu Galicia entre 1924 e 1926 enviada por unha institución cultural neoiorquina, a Hispanic Society of America (HSA). Hai uns meses tivemos ocasión de visitala na sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña. Trátase dunha mostra completísima, reúne arredor de cincocentas fotografías que presentan unha enorme variedade de estampas de Galicia, sobre todo da rural: paisaxes, arquitectura populaar, oficios, escenas festivas...
Lembranzas dunha época : Xulia de doncela a administradora do seu fogar (Patricia e Angélica Comesaña Comesaña )
A vida de Xulia é unha desas tantas historias marcadas polas consecuencias da guerra civil, que a deixou orfa cando só tiña 5 anos, porque o seu pai foi fusilado na que se coñece como a volta dos nove. Este tráxico acontecemento deixou á súa nai viúva con catro fillos aos que manter, o cal truncou a infancia desta muller que con tan só 9 anos tería que porse a traballar xunto a outra das súas irmás como empregada do fogar....
Libros: Mecas:
A memoria das mullers , AA VV Equipo de Normalización e Dinamización
Lingüistica do IES As Bizocas, O Grove, 2009 (NSC)
Un libro fermoso este que nace da capacidade e o entusiasmo de Patricia Arias
Chachero, profesora do IES As Bizocas e coordinadora do Equipo de Normalización
Lingüistica para envolver a dúas ducias de alumnas e alumnos,
amén doutras persoas do claustro de profersorado e do concello, para
tirar dese singular e marabilloso fio que son as avoas...
Libros: A puta sagrada , Concamnnon, Mauren (Estrela Vilaverde)
Estando de viaxe estival por Irlanda chamou a miña atención este libro, en primeiro lugar polo provocativo título e logo pala imaxe da súa portada, que é a fotografía dunha escultura que xa tivera ocasión de ver no Museo Nacional de Irlanda, sito en Dublin, e que chamara moito a miña atención, sen que no museo existira unha explicación moi clara da súa procedencia...
Nancy Spero
Morre
en Nova York en outubro de 2009 esta interesante artista nacida en Cleveland,
EE. UU., en agosto de 1926. Desde nova padece unha enfermidade dexenerativa
que lle fai coñecer a dor.
É recoñecida internacionalmente pola súa obra e pola
súa implicación política e artística na loita
pola paz e contra a guerra, pola igualdade, liberdade e recoñecemento
das mulleres; unha artista feminista, radical e contestataria. A súa
obra está nas coleccións de arte máis relevantes a nivel
mundial e aínda que é unha creadora fundamental dos últimos
cincuenta anos resulta practicamente descoñecida para o gran público.
A súa formación cabalga entre o Instituto de Arte de Chicago,
a escola de Belas Artes de París e Florencia.
Vive en Francia até mediados da década dos cincuenta. Nesa altura
as súas expresións artísticas roldan o amor, a maternidade
e a noite.
En 1964 regresa a EE. UU. Impáctana as imaxes da guerra de Vietnam
que difunde a televisión. Influída polo pop art e o minimalismo
que imperan en NY fai o seu War Series, un alegato contra a guerra e as súas
consecuencias, compromiso político que permanecerá sempre.
Tamén deixa o lenzo e traballa en papel: explosións nucleares,
cruces gamadas, bombas fálicas e helicópteros poboan as súas
expresións.
Nos comezos dos setenta a artista ten unha linguaxe madura e ben propia: muros
con collages, siluetas e textos reivindicativos e até obscenos, lonxe
dos discursos oficiais. Denuncia os malos tratos e as violacións padecidas
polas mulleres, en obras como Torture of Women (1976) nas que combina imaxes
que estremecen con textos alusivos ás atrocidades cometidas nos réximes
ditatoriais suramericanos de tortura as prisioneiras políticas.
Activamente comprometida coas actividades artísticas e políticas
da Coalición de Traballadores da Arte, en 1969 únese a Mulleres
Artistas na Revolución (WAR) e mesmo funda unha cooperativa que abriu
no Soho de Nova York, a primeira galería de arte dedicada exclusivamente
ás mulleres Artiststs in Residence, AIR. En todo este traballo hai
unha crítica expresa á invisibilidade do traballo das mulleres
no mundo da arte cunhas posicións claramente políticas.
Nos anos oitenta concéntrase no corpo da muller, único obxectivo
do seu traballo, con reflexións conceptuais nas que están presentes
o sexo e a política. Grandes murais, instalacións e deseños
que ocupan cuartos enteiros, usando tampóns en troca dos métodos
habituais de pintura. Ao tempo experimenta, tentando eliminar as diferenzas
obra/espazo na que esta se exhibe. Figuras espidas que se moven corren diante
da persoa espectadora. Isto leva a experimentar coa interactividade e longos
rolos de papel pregados que convidan a facer camiños sinuosos pola
sala de exposicións.
En 1997 participa en Documenta X, en Kassel.