Caster Semenya nun mundo en branco e negro
A
linguaxe, en especial a matemática da ciencia, crea fronteiras artificiais
entre o branco e o negro. A razón ou o sentido común bórraas. A razón traballa
con grises.
Bart Kosko:
Pensamento borroso (1995)
A lóxica do branco e negro, a ideoloxía da bivalencia, a
tiranía das dualidades ten unha longa traxectoria. Tan longa como a propia
historia do pensamento occidental. A instauración e supervivencia de dualismos
hexemónicos como: branco-negro, sol-lúa, mente-corpo, cultura-natureza,
seco-húmido, duro-brando, activo-pasivo, ben-mal, un-cero, masculino-feminino
ou varón-femia dan boa conta disto. É a lóxica da disxuntiva excluínte: ou unha
cousa ou a outra, ou branco ou negro, ou home ou muller. Pero este sistema
maniqueo de pares opostos topa de fronte coa grisura das cousas:
«falamos con ceros e uns; a verdade, sen embargo, cae entre eles». O caso de Caster Semenya, un
entre moitos outros, álzase contra a construción destes binomios culturais, a
favor dunha lóxica borrosa, dunha lóxica gris.
A pesar de que Bart Kosko apunta a que o sentido común
(unha especie que parece estar en perigo de extinción, á vista dos feitos)
tende a operar con categorías grises, a Caster Semenya o que se lle intentou
aplicar foi o inflexíbel código dualista do mundo en branco e negro. Isto é, o
sistema binario que intenta excluír todo o que non se axusta aos dous polos. E
cómpre sempre ter presente, como di Judith Butler, que «hai humanos que viven e
respiran nos intersticios desa relación binaria; por tanto, esta nin é
exhaustiva nin é necesaria».
Para quen non seguise os Mundiais de Atletismo, disputados
en Berlín o pasado mes de agosto, quizais non lle soe o nome desta corredora
plusmarquista de 800 metros lisos que bateu ás súas contrincantes dun xeito
incontestábel. Para o resto, dificilmente non recordarán o seu caso. E digo
isto, porque e posíbel que a súa impresionante carreira de medio fondo non sexa
o que máis soe senón a controversia derivada dunha problemática allea: o sexo
da surafricana. A noticia, que deu a volta ao mundo, puxo en tea de xuízo que
Semenya fose muller. As dúbidas sobre o seu sexo viñeron, segundo as persoas
denunciantes, fundamentalmente, pola súa anatomía física: músculos, vello no
rostro, a altura, a voz, foron as características máis recorridas para
xustificar a sospeita. Tamén o feito de rebaixar, en menos dun mes, oito
segundos e conseguir así facer os 800 metros nun minuto e cincuenta e cinco
segundos.
Esta historia, dende o inicio, xa ven marcada e atravesada
pola violencia: os prexuízos padecidos e sufridos pola deportista remóntanse a
súa nenez. Pero a humillación pública e a vergoña comezan cunha proba ‘médica’
por parte da equipa de atletismo surafricana. Camuflada como se fose unha proba
contra a dopaxe obrígana a espirse e a ouriñar diante do equipo médico nun
bote, coa escusa de que deste modo se aseguraban que non houbese ningún tipo de
suplantación da urina. Máis adiante sábese que, provocado pola incerteza do seu
sexo, a Asociación de Atletismo Surafricana (AAS) o que intenta é facerlle un
test que determinase se é home ou muller. Os resultados das análises nunca se
fan públicos e deciden igualmente mandar a atleta ao Mundial de Atletismo.
Dende as carreiras preliminares, Caster despunta
indiscutibelmente respecto as súas rivais, pero será na final cando, en xogo a
prezada medalla de ouro, se destape a caixa dos tronos. A distancia e a
facilidade abraiante coa que corre non deixa indiferente a ninguén (o mesmo poderíamos
dicir de Usain Bolt). Tal é así que as contrincantes, sobre todo a italiana
Elisa Cusma e a española Mayte Martínez, quizais provocado por un sentimento de
envexa e vinganza, suxiren publicamente que a competición é gañada por un home
ou algo «que parece un home». Neste momento de declaracións libres e
indecorosas decide intervir a Asociación Internacional de Federacións de
Atletismo (iaaf) para calmar os
ánimos e anunciar que Semenya terá que pasar por un recoñecemento que determine
o seu sexo. Sudáfrica responde a tal feito en clave política: utilizando a
palabra racismo para denunciar o acoso sufrido pola deportista (cómpre dicir
que son poucas as persoas que insinúan que sexa un caso de violencia machista).
Como agora sabemos, a República de Sudáfrica, encabezada polo seu presidente,
acorda atacar a iaaf como
artimaña para desviar a atención sobre eles (recordemos que a aas xa a sometera as probas de
asignación sexual). Durante un tempo conseguen cuestionar a decisión da iaaf de sometela ás probas, pero, co
paso do tempo, as tornas cambian. A principios do pasado mes de setembro dimite
Wilfred Daniels, adestrador de Caster Semenya, ao contradicir nos medios a
versión de Leonard Chuene, presidente da Federación de Atletismo de Sudáfrica,
quen nega que se lle teñan realizado as probas de sexo antes do mundial.
Daniels o cuestiona e denuncia que a sabendas dos resultados lanzaron á atleta
á platea pública sen maior miramento. As liñas foran totalmente traspasadas:
unha medalla de ouro non xustifica a humillación e a violencia á que foi
sometida.
A temática, ao meu modo de ver, dista de ser sinxela. Non
só pola lectura política que se fixo da mesma, ou dunha lectura ética que ben
viría ao caso, senón que ao fío da teoría beauvoirana, de construír o ‘ser muller’,
poderíamos preguntarnos cal é a fronteira que determina ser muller ou ser home,
dada a dualidade imperante e obrigada. Isto é, ser muller é unha cuestión de
grado?, hai unha idea de ‘verdadeira’ muller que sirva de patrón para medir en
que porcentaxe o somos? De varios xornais puiden constatar o recorrida que é
esta idea. Sirvan estas tres frases de exemplo:
§
«Está claro que Semenya é unha
muller, pero é posíbel que non o sexa ao 100%». Era a frase empregada pola iaaf ante as presións políticas, por
parte de Sudáfrica, pola decisión de sometela ao test de asignación de sexo.
§
«Despois de humillala volven e din
que é unha muller pero non saben en que porcentaxe». Estas son as palabras que
declara o portavoz do Ministerio de Deportes Surafricano, supostamente
encrespado e preocupado pola repercusión dos acontecementos na atleta.
§
«A familia de Caster Semenya xura que
a nova heroína nacional surafricana é muller ao 100%». Como para discutirllo a
unha avoa que a criou (a nai e o pai tiveron que emigrar á capital,
Johannesburgo, na busca de traballo para manter á familia) e que aos seus 81
anos tivo que saír nos medios denunciando os feitos e asegurando que a súa
neta, a que viu crecer, era indiscutibelmente unha muller e indignada declarou
que se alguén o dubidaba: «que lle faga probas!»
Se é unha cuestión de grados, como se mide?, é a diferenza
física unha evidencia visíbel? Pois non só falamos de distintos tipos de
xéneros, senón de sexos, de natura? Xa non estamos no terreo da identidade
social, histórica, cultural, ou xeográfica senón nas areas movedizas da tan
socialmente respectábel ciencia biolóxica. E digo isto tamén pola cantidade de
xornais que se fixeron eco da noticia anunciando que a Caster Semenya se lle
faría unha test para comprobar o seu xénero, confundindo deste modo o xénero e
o sexo.
Entón, como se determina? Segundo o número de cromosomas?
Segundo o grado de hormonas masculinas? Segundo a anatomía? Segundo a
morfoloxía interna ou externa? Que grado de testosterona fai que se abandone o xx e se pase ao xy ou ao xxy?
As preguntas non deixan de aflorar: Quen determina o sexo de cada quen?, a
bioloxía?, a medicina?, a psicoloxía?, o dereito?, a endocrinoloxía? Quen ten a
autoridade científica e moral para determinar o que cada quen é? A miña
incultura sobre temas xenéticos, médicos e psicolóxicos imposibilítame dar unha
resposta. Pero, o que si me parece é que se están a destinar demasiados medios
e esforzos (expertos, cartos...) ao esclarecemento desta cuestión, sen teren en
conta á persoa e o seu sufrimento, xa que o sexo é un concepto borroso, gris,
con fronteiras difusas difíciles de delimitar a simple vista.
Os faladoiros televisivos e os xornais de todo o mundo non
tardaron en entrar no terreo das especulacións e postos a especular, nós tamén
podemos suxerir aquí catro posíbeis hipóteses susceptíbeis de aumentarse canto
se quixer.
Hipótese
1: Caster Semenya é un home
Penso que esta sería a opción máis aplaudida polas
rancorosas rivais que viron a fazaña da atleta diante dos seus ollos. Aínda que
non só por elas. De darse esta feble conxectura o caso entraría perfectamente
no sistema diádico e, entón, do que estaríamos falando é dunha mentira. De
maneira que o peso da lei caería sobre ela e pasaría a encher a lista das
mulleres que, ou ben co uso da farmacoloxía ou travestíndose, conseguiron
burlar as normas impostas nos deportes (non deixa de ser curioso que aos homes
non os soan someter a dita proba sobre a base de que ‘naturalmente’ son máis
fortes e non tería sentido que unha muller se quixese facer pasar por home).
Así que cabería referirse a Caster Semenya como un caso de travestismo onde se
cuestiona a categoría de xénero, pois, segundo Butler, «cando nos referimos ao
“xénero en disputa ou a problemática do xénero” (gender trouble) ou á
“mestura de xéneros” (gender blending), xa sexa o “transxénero” (trangender)
ou o “cruce de xéneros” (cross-gender), estamos xa suxerindo que o
xénero ten unha forma de desprazarse máis alá do binarismo naturalizado». Con todo, aínda a pesar da
pouca fiabilidade desta hipótese, podemos concluír con Carl Lewis que, tal e
como declarou publicamente, pase o que pase «para o resto da súa vida Semenya
estará marcada como ‘o home’».
Hipótese
2: Caster Semenya é transexual
O cal poría de manifesto a non conformidade
de Caster co sexo designado. Neste terreo libre das especulacións poderíamos
pensar que foi sometida a unha cirurxía de reconstrución xenital que impedise
discernir a simple vista que naceu cos órganos xenitais do sexo masculino. Pero
tampouco podemos obviar que ela provén de Limpopo, unha das rexións máis duras
de África, onde asola a fame e a seca por onde queira e que foi criada xunto
con seis irmáns nunha casa co teito de palla. Polo tanto, parecería que o costo
de tal operación impediría soster este suposto.
Hipótese
3: Caster Semenya é muller
O que eu non poño en dúbida en ningún momento, partindo da
autonomía propia do decidir de cada quen sobre o que é. Ela, con 18 anos
infórmase pola prensa da posibilidade de non ser muller, e indignada responde
que se fai falla se baixaría os pantalóns para demostralo.
Ante a presión mediática, por momentos decide non recoller
a súa tan merecida medalla de ouro e a principios de setembro opta (non se sabe
ata que punto decisión propia ou pola presión da Asociación de Atletismo
Surafricana) por saír na popular revista surafricana You, peiteada,
maquillada, cunha saia negra, con colares, pendentes e extensións no pelo. É
dicir, hiperfeminizada, adoptando o patrón do xénero feminino. Esta
caricatura macabra levou a súa compatriota, Winnie Mandela, a declarar que se
trataba «da broma máis cruel que un ser humano lle pode inflixir a outro». A
vulnerabilidade e a desprotección da súa intimidade situaron a Semenya como un
xoguete roto en mans dun país que a toda costa ansiaba o metal dourado. A
revista surafricana, baixo o titular «Miren a Caster agora!», intentaba, dun
modo totalmente cuestionábel, responder á cantidade de especulacións que se
fixeron sobre a atleta; Corriere della Sera titulaba que tiña «unha voz anómala
para ser muller», o seu gusto polo fútbol presentouse como proba irrefutábel
para xustificar a súa masculinidade, ou, como declarou o seu profesor da
escola, que preferise usar vestimenta «masculina».
Parece que, como novamente apunta Butler, para poder
exercer a nosa autonomía como persoas, a nosa liberdade, debemos someternos ás
etiquetas e aos nomes, ás incursións, ás invasións; debemos cinguirnos a pautas
de normalidade; debemos pasar a proba.
Pero, a que custe?
Hipótese
4: Caster Semenya é intersexo
De ser verdadeira esta premisa suporía a súa
descualificación das competicións internacionais, pois no noso mundo en branco
e negro só existen dúas categorías: os 800 metros lisos femininos ou os 800
masculinos (ou unha ou outra). Como non estaríamos ante un delito senón ante
unha anomalía xenética (segundo a definen os especialistas) a súa
medalla de ouro pasaría a ser compartida pola segunda do podio. Este suposto é,
a día de hoxe, o que máis forza está collendo debido a que se filtrou a noticia
de que Semenya é hermafrodita, intersexo, nun xornal australiano (Daily
Telegraph). Segundo a publicación, a deportista posúe testículos internos
en vez de ovarios e carece de útero Ai!, como empecen a mirarnos por dentro!
Quen sabe ao mellor atópannos a alma. Pero ata o 20 de novembro non teremos os
resultados oficiais proporcionados pola iaaf.
Obviamente, de ser o caso, non estariamos ante un feito
illado nin sequera no mundo dos deportes. Baste recordar algúns nomes de
mulleres, entre moitos outros, que sufriron e padeceron a violencia dos
binarismos como: o da española María Torre-Made, a quen en 1923 lle descubriron
órganos masculinos internos, o que provocou que Pilar Primo de Rivera, irmá do
fundador da Falange, prohibise o atletismo en España ata os anos sesenta. Tamén
á galega M.ª José Martínez Patiño, corredora de 60 metros vallas, lle
atribuíron a presenza do cromosoma xy
no seu corpo, o que lle supuxo a perda da licenza como atleta, por parte da
Federación de Atletismo Española. O máis próximo no tempo é o caso da india
Santhi Soundarajar quen foi despoxada da medalla de prata dos Xogos Asiáticos
de 2006. Logo da exposición pública da súa intimidade, da humillación sufrida,
intentouse suicidar, algo que, desgraciadamente, é moi común neste colectivo
intersexo.
Tal vez, ao abeiro dos últimos datos publicados, os
supostos 3 e 4 (en principio compatíbeis) sexan os máis plausíbeis. Pero con
estas hipóteses o que busco é revelar unha gama de grises, con miras a dar
conta de que estamos ante categorías que distan de ser precisas; o xénero é un
categoría borrosa (sirvan de exemplo as hipóteses 1 e 3) e o sexo é tamén unha
categoría borrosa (sirvan de exemplo as hipóteses 2 e 4). Son difusas e polo
tanto imprecisas e vagas.
Por máis que o queiramos tapar vivimos nun mundo cunha gran
tonalidade de agrisados. O caso de Caster Semenya pon de manifesto que «as
cousas, vistas de cerca, vólvense borrosas»
e aínda que determinada linguaxe queira encaixalas hermeticamente estas
escápanse inevitabelmente ao mundo ríxido do branco e do negro.