|
Documento sin título
Declaración LABREGA de Cáceres,
29 de abril do 2010
NOSOUTRAS, labregas chegadas de diferentes países de Europa, reunidas
en Cáceres durante o seminario europeo «Labregas polos nosos dereitos»
durante os días 27, 28 e 29 de abril, cansas da invisibilización
á que frecuentemente nos someten as propias administracións a
través, entre outras, das políticas agrarias e de desenvolvemento
rural, e logo de comprobarmos que durante o foro oficial organizado pola Presidencia
Española da Unión Europea –celebrado tamén estes
mesmos días en Cáceres– que todo o mundo falou de nós
sen darnos voz, queremos lembrar ás administracións públicas
QUE AS LABREGAS ESTAMOS AQUÍ, e que como labregas desempeñamos
un papel clave na produción de alimentos na Europa e tamén no
desenvolvemento e na vida dos nosos pobos. Estamos fartas da invisibilización á que nos someten
as actuais políticas agrarias, que consideran ás mulleres
que desenvolvemos a nosa actividade nas explotacións
agrarias familiares coma outra propiedade do titular da
explotación, negándonos así os nosos dereitos a ter
ingresos propios e á titularidade da explotación, aínda
cando co noso traballo contribuímos a xeralos e a mantelos
na mesma medida que os nosos compañeiros.
Non estamos dispostas a seguir aguantando a exclusión
de miles de campesiñas da Seguridade Social, xa sexa por
razóns económicas –tamaño da explotación–,
culturais
ou burocráticas.
Enfrontándonos a esta situación, e diante do debate
que nestes momentos está a iniciarse sobre a reforna da
Política Agraria Común (PAC 2013), reclamamos da Presidencia
Española da Unión Europea e das institucións
comunitarias:
1. Que se recoñeza a titularidade compartida ao 50 %
dende a PAC, desenvolvendo un estatuto xurídico
que garanta ás labregas tanto os ingresos económicos
como todos os demais dereitos que leva a titularidade
da explotación.
2. Eliminar a esixencia dun mínimo, tanto de superficie
produtiva como de ingresos, para o acceso á actividade
agraria, xa que este condicionante discrimina ás pequenas
explotacións, sendo estas as que están fundamentalmente
en mans das mulleres.
3. Que a formación agraria transmitida, tanto nas escolas
agrícolas como noutros ámbitos, incorpore a igualdade
de xénero como materia a impartir, contando con persoas
formadas neste ámbito para realizaren o seu labor
docente.
4. A aplicación de medidas de acción positiva até conseguir
a plena igualdade das mulleres.
5. A garantía, por lei, da participación das mulleres
campesiñas na toma de decisións, facendo obrigatorio
o cumprimento das leis de paridade por parte das
organizacións agrarias.
6. O compromiso explícito, por parte das institucións europeas,
de que non haberá impactos negativos para as
campesiñas na elaboración dos orzamentos para a PAC.
7. Que as políticas de igualdade sexan transversais,
para que a igualdade sexa un punto clave a considerar no
momento de definir a PAC e o desenvolvemento rural.
NOSOUTRAS TRABALLAMOS, NOSOUTRAS PRODUCIMOS,
NOSOUTRAS DECIDIMOS
|