Este é o artigo que seleccionaches, agardamos que sexa do teu interese        

version para
Autora: EstÚvez Salazar, Felicia Título: As mulleres e os Premios Nobel

 

Documento sin título

Os Premios Nobel e as mulleres


Felicia Estévez Salazar


O Premio Nobel da Paz 2011 outorgóuselles a tres señoras que salientan pola loita a favor da seguridade e dos dereitos das mulleres. Elas son: Ellen Johnson Sirleaf, presidenta de Liberia desde xaneiro de 2006 e coñecida como A dama de ferro; Leymah Gbowee, activista liberiana coñecida como A guerreira da paz, e Tawakkol Karman, xornalista iemení, coñecida como A filla coraxe de Iemen.

Ellen Johnson Sirleaf é a primeira muller que chega á presidencia dun país de África. Procedendo de familia humilde, sen embargo consegue estudar nun lugar onde a taxa de alfabetización feminina hoxe é do 51%.

No ano 1961 viaxa a Estados Unidos e remata os seus estudos na Universidade de Colorado. Máis tarde fará un mestrado sobre Administración Pública en Harvard. Regresa a Liberia e vai traballar no goberno de William Tolbert como ministra de Facenda entre os anos 1972 e 1973, mais dimite antes de rematar o mandato. Quizais iso foi o que a salvou de ser asasinada cando o sarxento Samuel Doe dá un golpe militar e ordena o fusilamento do presidente e varios membros do seu goberno.
Ela logrou fuxir e estivo exiliada en Kenya, onde traballou como directora do Citibank en Nairobi entre os anos 1983 e 1985. Regresou a Liberia para participar nas eleccións fronte a Samuel Doe, mais foi condenada polas súas acusacións contra o réxime militar aínda que máis tarde conseguiu cambiar o cárcere polo exilio.
Ellen marchou a Washington, onde traballou entre 1992 e 1997 como directora da Oficina Rexional para África no Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento. Mais non se deu por vencida e regresou ao seu país participando nas eleccións presidenciais de 1997 nas que só conseguiu un 10% dos votos, fronte ao 75% de Charles Taylor. O goberno de Taylor levou o país a unha segunda guerra civil en 1999 que durou ata o ano 2003, en que Taylor, dada a presión internacional para que dimitise, aceptou a oferta de asilo de Nixeria. Así, nese ano formouse un goberno de transición que prepararía o país para a realización das eleccións de novembro de 2005, das que sairía elixida presidenta, Ellen Johnson Sirleaf.

Leymah Gbowee, tamén liberiana, estudou na Universidade de Harrisonburg, Virxinia. Esta activista pacifista en palabras do presidente do comité Nobel noruegués «mobilizou e organizou as mulleres máis alá das liñas de división étnicas e relixiosas para poñer fin a unha longa guerra en Liberia e asegurar a participación das mulleres nas eleccións».

Leymah Gbowee é a coordinadora de Mulleres no Programa de Construción da Paz; é fundadora do grupo de Acción Masiva de Mulleres pola Paz de Liberia. Este colectivo no que se reuniron mulleres cristiás e musulmás, organizou diferentes protestas pacíficas contra o goberno de Charles Taylor (presidente entre 1997-2003). Empezaron reuníndose para rezar pola paz, despois xuntábanse nos mercados e vestíndose de branco denunciaban as mortes, as humillacións, os secuestros, a guerra. Sen embargo, a súa notoriedade e o seu salto aos medios de comunicación vai ser no ano 2002 polo lema e acción strike sex. Igual que na Lisístrata de Aristófanes, as mulleres liberianas puxéronse en folga de sexo mentres continuase a guerra no país. Así, ata conseguir unha audiencia co presidente de Liberia, Charles Taylor, e asegurar a súa presencia nas negociacións de paz en Gana.

Estas accións contribuíron a pór fin no ano 2003 ao segundo conflito armado en Liberia e sumaron esforzos na caída do seu presidente, Charles Taylor, que sería posteriormente xulgado por crimes de guerra no Tribunal da Haia.
Leymah Gbowee, a guerreira da paz, recibiu varios premios polo seu labor e desde o ano 2007 é a directora da Rede de Mulleres pola Paz e a Seguridade en África.
A historia deste movemento de mulleres en Liberia pode verse no documental Pray the Devil Back to Hell, da directora Gini Reticker.

Premiada tamén co Nobel da Paz 2011 é a iemení Tawakkol Karman. Tawakkol Karman é a primeira muller árabe que recibe este premio e a primeira con hijab. Naceu no ano 1979, seis meses despois de que Ali Abdallah Saleh chegase ao poder. Medrou nun país no que case o 45% da poboación vive con menos de dous dólares diarios, no que a taxa de analfabetismo é dun 58,9% e no caso das mulleres dun 70%, no que hai un 1,9 millóns de nenas fóra do sistema educativo. En Iemen hai rexistradas 14.632 escolas, pero moitas delas son construcións en lata ou baixo as árbores e poden agrupar a máis de 100 estudantes por clase.
Tawakkol Karman foi quen de erguer a súa voz nun país no que as mulleres seguen estando relegadas a un segundo plano. Foi en 1990 cando Iemen recoñeceu por primeira vez o dereito das mulleres a ser candidatas e asumir funcións públicas, mais só houbo dúas mulleres electas nas lexislaturas de 1993 e 1997. Para a elección dos Consellos de Goberno de 2001 houbo 120 mulleres candidatas, fronte a 23.892 homes (0,50%) e para os Consellos das Direccións houbo 108 mulleres, fronte 21.924 homes (0,49%).
Esta xornalista milita no partido da oposición islamista Al-Islah que conta con 46 representantes na Asemblea de Representantes, fronte aos 238 do Congreso Xeral do Pobo, partido do que forma parte o presidente.
No ano 2005 creou Mulleres Xornalistas Sen Cadeas (WJWC), unha organización non gobernamental que traballa para promover os dereitos civís, en particular a liberdade de opinión e de expresión e os dereitos democráticos.
Esta ONG desde o ano 2007 participa ou organiza manifestacións en contra do goberno. Todos os martes concéntranse fronte á sede do goberno en protesta pola falta de liberdade de expresión, os matrimonios infantís e outras violacións dos dereitos humanos. Este feito por si mesmo xa é revolucionario nun país no que as mulleres dependen do permiso dos homes para facer a maioría das actividades cotiás (traballar, conducir, saír). O 22 de xaneiro os servizos de seguridade detivérona xunto con trinta persoas máis. Ese feito converteuna nun símbolo das revoltas e a denuncia da situación en Iemen na prensa internacional.

En resposta a esta detención multiplicáronse as manifestacións de apoio nas que a fotografía de Tawakkol era levada como estandarte. Ofrecéronlle liberala ao día seguinte, mais ela negouse mentres non liberasen as demais activistas.
En Iemen aínda non se conseguiu nin o cese das hostilidades nin a caída do réxime a pesar das promesas de cambio de Ali Abdallah Saleh, pero as mulleres xa se atreven a saír a rúa como o fixeron o 26 de outubro en Saná, prendéndolle lume aos seus veos en protesta polas mortes ocorridas nunha manifestación anterior, mentres berraban «esta é unha reivindicación das mulleres libres de Iemen, queimamos os nosos veos para que o mundo sexa testemuña das masacres dirixidas polo tirano Salé».
Esperemos que con este Nobel da Paz a voz de Tawakkol Karman sexa escoitada e sirva para a realización do cambio tan desexado no seu país.

As mulleres e os premios Nobel

Nisto dos Nobel parecía que Marie Curie, primeira muller en recibir este premio e a única en recibilo dúas veces, creara un precedente na presenza feminina entre as persoas premiadas, pero con máis de cen anos de distancia os avances das mulleres van moi lentos, tan paseniño como o cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
O artigo 1 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos di: «Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, [...]».

Mais unha cousa é o que aparece nos papeis e outra a realidade. Que todos os seres humanos non son iguais en dignidade e dereitos e que non están dotados igualmente de razón e conciencia sábeo ben o comité que selecciona ano tras ano desde 1901 os homes e mulleres a quen se lles conceden os Premios Nobel, porque só 44 mulleres recibiron este galardón fronte os 786 varóns, o que supón un 5,59% de señoras dotadas de razón e conciencia.
Quizais pareza que iso da desigualdade é cousa do pasado ou das épocas en que as mulleres non ían as universidades ou non podían traballar en investigación, pois non, estes datos son de plena actualidade: nos Nobel do 2011 só tres mulleres fronte a dez varóns recibiron esta homenaxe ou, o que é o mesmo, recibiron unha mención (Premio Nobel da Paz) fronte ás cinco restantes (Medicina, Física, Química, Literatura e Economía) que foron para os varóns.
O artigo 2 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos di: «Toda persoa ten todos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción algunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición».
Tampouco se cumpre a equidade en canto a raza e/ou cor, xa que desde o ano 1901 en que se outorgan os primeiros premios, teñen que pasar oitenta e cinco anos para encontrar no ano 1986 o primeiro Premio Nobel de Literatura nun escritor africano de raza negra, o nixeriano Wole Soyinka. Ou achegarnos á década dos noventa cando se lle concede o Nobel a Nadine Gordimer (1991), escritora branca mais sudafricana. E en 1993 encontramos a Toni Morrison, escritora negra estadounidense.

Que de África só teñamos dúas representantes nos premios Nobel só podería explicarse se formase parte dese comité de expertos o doutor James Watson, Premio Nobel de Medicina en 1962, pola súa axuda nas investigacións sobre o ADN. O científico fixera unhas «tristes e racistas» declaracións ao diario británico Sunday Times: «todas as políticas sociais (dirixidas a África) están baseadas no feito de que a súa intelixencia é a mesma cá nosa, mentres que todas as probas din que non é así en realidade».Tampouco se tivo demasiado en conta o testamento do filántropo Nobel: «É o meu expreso desexo que, ao outorgar estes premios, non se teña en consideración a nacionalidade dos candidatos, senón que sexan os máis merecedores quen reciban o premio, sexan escandinavos ou non».
Parece que os máis merecedores seguen sendo varóns e sobre todo estadounidenses.
Se situamos as señoras galardoadas segundo os seus países e/ou continentes de orixe temos: dezasete europeas; catorce estadounidenses; dúas de América do Sur; dúas asiáticas; catro africanas; unha australiana; tres dos países de Oriente Próximo e Oriente Medio. Hai unha evidente infrarrepresentación dalgúns continentes e ningunha muller canadense ou chinesa, por exemplo.
En canto á categoría dos premios, tamén se pode ver o escorado lado feminino da cuestión, xa que mentres só hai unha muller, Elinor Ostrom, galardoada co Nobel de Economía en 2009, hai doce mulleres co Nobel da Paz e outras doce co Nobel de Literatura. Oslo tamén se inclina por esa división tan absurda das cousas de letras e os asuntos sociais para as rapazas, mentres que os temas científicos son para os varóns: só temos catro mulleres co Nobel de Química e dúas co de Física. Menos mal que niso da Medicina vai aumentando o número de señoras e hai dez que recibiron ese galardón.
Cando veremos a balanza escorada para o lado feminino?

 

 

'