Este é o artigo que seleccionaches, agardamos que sexa do teu interese        

version para
Autora: Celia Balboa Título: Aborto. Unha volta atrás de trinta anos

 

Documento sin título

Aborto. Unha volta atrás de 30 anos

Celia Balboa

A defensa do dereito ao aborto fundaméntase nun principio ético: o dereito das mulleres a decidir e no respecto á súa capacidade moral para ter e emitir os seus propios xuízos, para tomar decisións e actuar en consecuencia, e entre esas decisións, unha das máis importantes, a maternidade.

Partindo dese principio de autonomía, que debe ser invulnerable, podemos afondar nas causas polas que unha muller poder decidir interromper o embarazo: riscos para a súa propia saúde, situación económica, cambio de condicións de vida ou relacións sentimentais…, en definitiva, as causas que poden influír no seu proxecto de vida. Pero o respecto debe chegar a todas elas, porque ese é o significado da liberdade das mulleres para elixir.

E o Estado ten a obriga de respectar esa liberdade, cunha única intervención: impedir que terceiros violen ou interveñan no exercicio do seu dereito.

Pero isto, que parece tan obvio e tan sinxelo, foi unha das batallas históricas do Movemento feminista e aínda hoxe, case corenta anos despois do inicio da democracia, o aborto segue a estar dentro do Código Penal e recentemente o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, pretende negar ese dereito e restrinxir outra vez a liberdade das mulleres e a súa capacidade de decisión, anunciando unha reforma que supón un retroceso de trinta anos. Todo isto coa bendición dos fundamentalismos relixiosos, entre eles especialmente o católico, que sempre manifestaron unha reacción especialmente violentacontraria a este dereito; non en van, a súa proposta moral parte do sometemento das mulleres aos varóns e da afirmación do destino natural destas na maternidade e na familia.

Constatamos que o dereito ao aborto foi unha das primeiras reivindicacións do Movemento feminista. Xa nos anos 1976 e 1977 as organizacións feministas do Estado español saíron en defensa das 11 mulleres de Basauri que daquela estaban procesadas por cometer delito de aborto. Era o denominado proceso das «11 de Bilbao»: mulleres obreiras, todas en situación económica moi precaria, algunhas casadas... A presión na rúa foi tal que se conseguiu que na sentenza se lles aplicase a atenuante de estado de necesidade. Posteriormente, no ano 1983 concedéuselles o indulto.

A principios dos anos oitenta a reivindicación do dereito ao aborto foi fundamental para as organización feministas; as manifestacións na rúa eran constantes, así como as denuncias das peregrinacións das mulleres a Londres para facer abortos, etc. Coa chegada do PSOE ao goberno, aprobouse a Lei 9/1985 que reformou o Código Penal e despenalizou o aborto en tres supostos:

1º. Que sexa necesario para evitar un grave risco para a vida ou a saúde física ou psíquica da embarazada e así conste nun ditame emitido con anterioridade á intervención por un médico da especialidade correspondente, distinto daquel por quen ou baixo cuxa dirección se practique o aborto. En caso de urxencia ou risco vital para a xestante, poderá prescindirse do ditame e do consentimento expreso.

2º. Que o embarazo sexa consecuencia dun feito constitutivo de delito

de violación do artigo 429, sempre que o aborto se practique dentro das doce primeiras semanas de xestación e que o mencionado feito fose denunciado.

3º. Que se presuma que o feto haberá de nacer con graves taras físicas ou psíquicas, sempre que o aborto se practique dentro das vinte e dúas primeiras semanas da xestación e que o ditame, expresado con anterioridade á práctica do aborto, sexa emitido por dous especialistas do centro ou establecemento sanitario, público ou privado, acreditado ao efecto, e distintos daquel por quen ou baixo cuxa dirección se practique o aborto. Como se observa, esta lei establecía que para abortar era necesario un motivo: saúde da muller, malformación fetal ou violación e ademais establecía uns límites: vinte e dúas semanas en caso de malformación fetal, doce en caso de violación e sen prazo no caso da saúde materna. Ademais admitiuse á obxección de conciencia para os médicos.

Esta lei foi criticada, tanto polos sectores conservadores, como polos progresistas. Dende o feminismo temos criticado fondamente a pacatería desta regulación, primeiro porque mantiña o aborto dentro do Código Penal e non se garantía como un dereito da muller, denunciábase igualmente o abuso e a hipocrisía da denominada obxección de conciencia dos médicos que, na práctica, deu lugar a que só o 2 % dos abortos se practicasen en hospitais públicos. Non obstante, podemos pensar que esa reforma era filla da mentalidade da época, pero non deixa de ser certo que estivo en vigor vinte e cinco anos e, con limitacións, grazas á ampla interpretación que permitía a expresión «benestar físico ou psíquico», contribuíu a normalizar socialmente unha cuestión moi polémica.

O goberno Aznar non modificou en nada a regulación legal e coa volta do PSOE ao goberno e logo dunha importante reacción de grupos conservadores e da Igrexa católica –denuncias a clínicas que practicaban abortos, xuízos, etc.–, acometeuse unha nova reforma que culminou coa aprobación da Lei 2/2010 de Saúde sexual e reprodutiva e da Interrupción voluntaria do embarazo.

Esta reforma, aínda hoxe en vigor, impuxo algúns cambios positivos: esencialmente, o recoñecemento da interrupción voluntaria do embarazo a petición da muller dentro das primeiras catorce semanas de xestación: Así:

Poderá interromperse o embarazo dentro das primeiras catorce semanas de xestación a petición da embarazada, sempre que concorran os requisitos seguintes:

a) Que se informe á muller embarazada sobre os dereitos, prestacións e axudas públicas de apoio á maternidade,

b) Que transcorra un prazo de, ao menos tres días, dende a información mencionada anteriormente e á realización da intervención.

É dicir, por primeira vez, recoñécese que as mulleres poden abortar dentro das catorce primeiras semanas sen ter que indicar a causa. Irrompe na nosa lexislación a denominada regulación de prazos, sen alegar causa. Este sistema de prazos é o existente en practicamente todos os países europeos, se ben é Holanda o único que permite o prazo máis amplo de vinte e catro semanas, fronte a Portugal ou Turquía, onde o prazo se establece nas dez primeiras semanas.

Con todo, esta regulación non dei- xa de ser mesquiña e hipócrita: por que dentro das catorce primeiras semanas e non dentro das dezaoito, como noutros países europeos?, ou por que non dentro das vinte e dúas? A Organización Mundial da Saúde indica que o feto non é viable, é dicir, non pode vivir desprendido do seo materno antes das vinte e cinco primeiras semanas. Ademais segue a someterse ás mulleres a tutela: informe sobre dereitos e prestacións, posibilidade de adopción, tres días para pensar a súa decisión… Ningunha outra decisión médica impón tres días de reflexión.

A reforma segue a manter igualmente a interrupción por causas médicas, sempre que exista grave risco para a saúde da embarazada e non se superen as vinte e dúas semanas de xestación. Con ese mesmo prazo, sempre que exista grave risco de anomalías no fe to e sen prazo, cando se detecte no feto unha enfermidade extremadamente grave ou incurable ou as súas anomalías sexan incompatibles coa vida.

Esta reforma introduce tamén un aspecto polémico: o consentimento no caso de mulleres de 16 e 17 anos. Recoñécese que para estas mulleres o consentimento soamente lles corresponde a elas, se ben debe informarse polo menos a un representante legal, pai ou nai, da súa decisión. Pode prescindirse desta información cando a menor alegue que se pode provocar un grave conflito familiar, violencia, ameazas, coaccións malos tratos ou desamparo.

Todos os casos de interrupción voluntaria de embarazo deben levarse a cabo nun centro sanitario, público ou privado acreditado.

Pois ben, por primeira vez o futuro non promete seguir avanzando para conseguir por fin o recoñecemento do aborto como un dereito das mulleres. O Sr. Alberto Ruiz Gallardón apresúrase a anunciar unha nova reforma: indica que a lei de prazos vulnera a Constitución e desprotexe ao concibido, porque non cumpriu determinadas semanas, e propón volver a unha lei de supostos, onde soamente un risco grave para a saúde da nai pode amparar un aborto. Igualmente anuncia que se pode eliminar a malformación do feto, en determinados casos, como causa de aborto e isto en base a determinados convenios internacionais sobre persoas con discapacidade ratificados por España. Tamén, e nisto foi tallante o Sr. ministro, elimina o consentimento das mulleres menores de idade.

En definitiva, a reforma que se pretende supón un importante retroceso, supón volver a entender o aborto non como un dereito das mulleres, senón como un delito grave. Supón volver á lei de supostos, polo que se anuncian moi restritivos, supón volver a negarlles ás mulleres a capacidade e a decisión. Custa crer que esta xente sexa tan perversa, que non recorde os abortos clandestinos, as mulleres mortas, o sufrimento, o medo. Custa crelo dende o punto de vista ético e humano, mais certamente hai algo que sorprende nestes ministros do PP: parécense a seus pais. Rodrigo Rato emula o seu, quebrando bancos e presuntamente cometendo delitos financeiros; Alberto Ruiz Gallardón nunca ocultou a admiración que sentía polo seu pai e don José María era un home de moral lasa e comprensiva de certas debilidades, mais o aborto sempre lle pareceu un pecado mortal, sempre lle sacou o xenio á defensa do nasciturus –que non dos nacidos– e chegou a dicir que esa defensa era unha das razóns da súa vida. É evidente que nisto do respecto ás mulleres Alberto herdou os xenes do seu pai xunto a certas tendencias ultracatólicas. Lembren, señoras, aquel suposto comentario que Ruiz Gallardón sénior dixo sobre o júnior: «a xente di que eu son de dereitas, pero o que de verdade é de dereitas é o meu fillo».

A Igrexa, máis feliz ca nunca, bendice o Sr. ministro.

 

 

'